Segunda viaxe do Beagle

Acuarela do debuxante do HMS Beagle Conrad Martens. Pintada durante a súa expedición a Terra do Fogo, que mostra nativos fueguinos remorcando o Beagle.

A segunda viaxe do Beagle, foi a segunda viaxe de expedición, realizada entre o 27 de decembro de 1831 e o 2 de outubro de 1836, polo barco HMS Beagle, na que participou Charles Darwin, baixo o mando do capitán Robert FitzRoy, que tomara o mando do barco na súa primeira viaxe ao suicidarse o anterior capitán. A expedición tiña a misión principal de facer medicións topográficas, e traballos cartográficos, xeolóxicos e faunísticos. FitzRoy pensara nas vantaxes que tería levar un experto en xeoloxía a bordo, e buscou un cabaleiro naturalista para que os acompañase como supernumerario. O xove graduado Charles Darwin que desexaba ver os trópicos antes de converterse en crego parroquial (que nunca chegaría a ser), aceptou esta oportunidade. Durante a época da viaxe Darwin estaba moi influenciado pola lectura da obra Principles of Geology (Principios de Xeoloxía) de Charles Lyell. Ao final da expedición Darwin xa adquirira fama de xeólogo e coleccionista de fósiles, e a publicación do seu diario, que se coñeceu como The Voyage of the Beagle (A viaxe do Beagle), deulle sona como escritor. Na primeira viaxe do Beagle (1826-30) non participara Darwin.

O Beagle nesta segunda viaxe navegou atravesando o océano Atlántico, e despois levando a cabo un detallado levantamento hidrográfico ao longo das costas da parte sur de Suramérica, volvendo a Europa cruzando o océano Pacífico pasando por Tahití e Australia, circunnavegando así o mundo. Aínda que estaba previsto que a expedición durase dous anos, en realidade o periplo durou case cinco.

Darwin dedicou a maior parte do tempo a facer exploracións por terra: tres anos e tres meses en terra, 18 meses no mar.[1] A pouco de iniciar a viaxe decidiu que escribiría un libro sobre xeoloxía, e mostrou ter grandes dotes para teorizar. En Punta Alta fixo o importante descubrimento duns fósiles xigantescos de mamíferos extintos, dos que daquela só se coñecían uns poucos espécimes. Recolleu mostras con habilidade e fixo detalladas observacións de plantas e animais, chegando a resultados que abanearon a súa crenza de que as especies eran fixas e lle proporcionaron as bases para formular as ideas que desenvolveu cando volveu a Inglaterra, o que culminou coa elaboración da súa teoría da evolución por selección natural.

  1. Browne & Neve 1989, p. 16

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Nelliwinne